|
|
O Valedor do Pobo salienta a importancia dos programas de Meniños
Benigno López González, Valedor do Pobo, fixo
público un informe extraordinario baixo o título “Menores Vulnerables: desprotección e responsabilidade penal”, no que recomenda a potenciación desde a administración galega dos programas de integración familiar que desenvolve Meniños.
O informe fai referencia a unha serie de conclusións relativas á atención a menores en situación de desamparo:
- O sistema tutelar concédelle excesivas oportunidades ás familias biológicas ata considerar acreditado o desinterese polos seus fillos e fillas.
- O tempo de estancia dos menores nas institucións
é demasiado prolongado.
- O escaso emprego da figura do acollemento familiar como solución ao problema.
Para paliar esta situación, o Valedor do Pobo propón que “no marco da política de mantemento dos menores nas súas familias, é convinte que por parte da administración autonómica se potencien programas
de integración e preservación familiar como os
que leva a cabo Meniños” (páx. 267).
Benigno López tamén suxire a adopción de medidas para que os nenos e nenas permanezan o menor tempo posible en centros residenciais e que, no peor dos casos, non sobrepasen os dous anos.
En concreto, apunta cara a necesidade de dotar aos equipos técnicos de recursos humanos e materiais que lles permitan intensificar o traballo realizado coas familias dos menores en risco. O Valedor do Pobo di que “tamén sería necesario potenciar programas de reunificación familiar como o de Meniños”
(páx. 274).
Meniños desenvolve, desde 1992, o programa de Integración Familiar, que inclúe as áreas de reunificación e preservación. Ao longo deste tempo, atendemos a 1.566 nenos, nenas e adolescentes e a 695 familias. A través da área de reunificación familiar, 736 menores foron desinternados para unha convivencia familiar na súa familia de orixe (469) ou noutra alternativa familiar (267). Pola súa parte, 342
nenos e nenas viven nunha familia mercede á área de preservación. Nestes 16 anos, as porcentaxes de éxito na intervención superaron o 75%.
|
|
|
|