|
|
Teatro Solidario a favor de Meniños
Os alumnos e alumnas do Colexio de Vedra representaron “Fábrica de Soños”, o pasado xoves 11 de febreiro no Teatro Principal de Ourense.
“Fábrica de Soños”, é unha obra para todos os públicos, conformada por escenas independentes, que introduce ao espectador nunha serie de vivencias heteroxéneas extraídas do universo cultural da sociedade que nos rodea.
A perspectiva que predomina é sempre a dos adolescentes, que irán mostrando as súas inquedanzas ao longo de toda a representación.
Os creadores da obra son os propios alumnos e alumnas da Aula de Teatro do Colexio de Vedra, baixo a dirección de Metátese Teatro. Participan na mesma arredor de 30 mozos e mozas, formando un amplo equipo composto por actores e actrices, equipos de maquillaxe, iluminación e son, escenografía, vestiario e producción.
“Fábrica de Soños” representouse en dúas sesións, ás 12:30 horas e ás 20:30 horas.
A primeira sesión estivo dirixida aos alumnos e alumnas de diferentes centros educativos.
A recadación obtida coa venda de localidades destinarase na súa totalidade aos programas e proxectos que Meniños desenvolve a favor da infancia máis desfavorecida.
Metátese Teatro colabora con Meniños desde hai moitos anos. Pola súa parte, a Aula de Teatro de Vedra, representou en 2009 no Teatro Principal de Ourense a obra “Fragmentaria”, en beneficio de Meniños. Tamén ten realizado representacións a favor da Fundación, conxuntamente coa Aula de Teatro de Touro, en diversas ocasións.
Ademais deles, apoian esta iniciativa o Teatro Principal, a Deputación Provincial de Ourense e a Fundación CEO.
|
|
|
|