|
|
Facendo Familias en Asturias e Madrid
Despois de dous anos de andaina en Galicia, Meniños presenta a proposta educativa "Facendo Familias" nos centros educativos de primaria de Asturias e Madrid. Podes poñerte en contacto con nós para recibir máis información e solicitar os materiais educativos.
Facendo Familias é unha proposta educativa, dirixida ao ensino primario, para o fomento da participación da infancia na construción dun ambiente familiar positivo. Ten dous obxectivos fundamentais:
1. Facilitar a aprendizaxe de estratexias para que os nenos protagonicen a construción dun entorno familiar de seguridade e afecto.
2. Achegármonos á realidade da infancia e a familia dos países empobrecidos, aprendendo así a coñecer e respectar a diversidade.
Material educativo
Conta cun material educativo, e coas indicacións precisas para o seu traballo cos nenos por parte dos educadores; consta do seguinte:
1. Guía para educadores: nela atoparás toda a información necesaria para aplicar a proposta cos nenos, na túa aula ou entidade de tempo libre. Entre outros contidos, ofrece unha descrición de cada unha das 19 actividades, coas instrucións para o seu traballo; e suxestións para a súa escolla, dependendo do tempo dispoñible, organización dos tempos, actividades complementarias, etc.
2. Anexo: trátase dun caderno de consulta sobre aspectos teóricos relacionados coa proposta, así como recomendacións de material bibliográfico e páxinas web.
3. Fichas de actividades: cada actividade consta dunha ficha que pode ser empregada como material de apoio no seu desenvolvemento. O ser formato (cartolina tamaño folio, a unha tinta) facilita a súa copia para distribuír unha a cada neno.
4. Xogo de Milu: é a primeira versión, en formato de xogo de mesa, do que ofrecemos nesta páxina. Contén actividades relacionadas cos obxectivos da proposta, para aplicalas dun xeito diferente, empregando dinámicas de xogo en grupo.
descarga o material educativo
Resultados
O proxecto desenvolveuse por primeira vez ao longo do curso 05/06, en colexios e entidades de tempo libre das localidades galegas nas que ten presenza Meniños, así coma noutras próximas. Ao redor de 6.000 nenos, pertencentes a uns 100 colexios e entidades de tempo libre, apoiados por 330 educadores, participaron da proposta.
Facendo Familias é unha realizade grazas a un conxunto de persoas e entidades que apoian estas iniciativas educativas. Coñéceas.
Se queres participar nesta proposta educativa de Facendo Familias, solicita o material impreso da mesma facendo clic aquí.
|
|
|
|